Mostrando entradas con la etiqueta Castelao. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Castelao. Mostrar todas las entradas

21.11.18

Cen anos de nacionalismo galego: do pucheirazo de 1936 á decepción autonomista (II)

Por Ramón Maceiras López
No berce do nacionalismo galego atópase o "santo pucheirazo" que fixo que o 28 de xuño de 1936 o referéndum tivera o "sorprendente" resultado de que o Estatuto de Autonomía fose aprobado polo 99% dos máis de un millón de electores que seica votaron. Eso representaba o 74% do censo electoral, moito máis dos dous tercios que se esixían de participación para que o referéndum fora aceitado pola II República.

O calificativo de "santo pucheirazo" acredítaselle a Avelino Pousa Antelo, quen presumía de ter votado dúas veces no plebiscito. O de "sorprendente" é de Ramón Villares, quen despacha deste xeito o capítulo sobre o referéndum do 36 nese monumento canónico á corrección política que é "A Historia".

Adolfo Hernández Lafuente: Los referéndums de autonomía en la II República..

É un tema no que tododiós pasou agochado até que o historiador Justo Beramendi soltou a verdade que todos sabían e todos calaban no semanario A Nosa Terra. Por suposto, Beramendi xustifica o pucheirazo por razóns políticas. Xa sabemos que todo o que faga a esquerda republicana e os nacionalismos está xustificado de antemán polo ben do pobo por esa casta especial de historiadores que viven da nefasta Memoría Histórica.



Castelao reseña no Libro II de Sempre en Galiza que Casares Quiroga ironizaba co tema cando se lle presentou en Madrid a campaña a prol do Estatuto Galego: "Estoy viendo que vamos a ganar el plebiscito gallego por un noventa y nueve por ciento". 

Continuaba así a tradición de pucheirazos electorais tan normal durante o período da Restauración Borbónica e na II República. Os plebiscitos de aprobación dos estatutos vasco e catalán tiveron tamén tan "sorprendentes" resultados. A Esquerra de Compayns declarou a república catalana mediante golpe de estado no ano 1934 e foi reprimida duramente pola II República. O 1 de outubro de 2017 o nacionalismo catalán voltou ás andadas golpistas cun referéndum pucheirazo sen nengún tipo de control democrático, nen auditorías, declarado ilegal polo Tribunal Constitucional. Desta volta 2,2 millóns de cataláns votarían sí á independencia. de España, segundo os organizadores de semellante paripé.

O caso é que o resultado "sorprendente" do referéndum galego permitiulle ao Partido Galeguista reinvidicar un presunto apoio popular ao Estatuto de Autonomía, pedra angular do Programa de Lugo de 1918 e cabaliño de batalla durante o franquismo e o postfranquismo para reclamar o título de nacionalidade histórica para Galicia. Castelao atou a sorte do nacionalismo galego ao pacto coa Fronte Popular que lle permitira aprobar o Estatuto Galego. Ese pacto costoulle a división do Partido Galeguista. Filgueira Valverde e Risco fundaron daquelas (1935) a Dereita Galeguista, aínda que despois fixeron campaña a prol do Estatuto.

O ESTATUTO DA TRANSICIÓN

A Constitución de 1978 pautaba tamén o trámite do referéndum para estabelecer a autonomía dunha rexión. O referéndum tivo lugar o 21 de decembro de 1981 con resultados bastantes cativos de participación.

Cunha abstención de 79% foi aprobado o Estatuto de Autonomía vixente. O povo galego amosaba así o seu pouco entusiasmo pola autonomía que presuntamente ía resolver os grandes problemas galegos. Curiosamente, foi Manuel Fraga, con catro maiorías absolutas, quen asumiu con máis entusiasmo o Estatuto contra un nacionalismo dividido e confundido. Aínda así foi con Fraga que o nacionalismo galego xa reunificado e de novo con vocación autonomista chegou a ser ser segunda forza política no parlamentiño nas eleccións autonómicas de 1997, con 18 deputados. 


Desde ese momento estelar, o nacionalismo galego non fixo máis que perder forza até chegar aos 6 deputados de 2016. A decepción autonomista deu paso no nacionalismo galego ao rebrote das ilusións soberanistas e independendistas, contaxiadas polo proceso catalán e a debilidade do goberno central.

16.11.18

Co gallo do centenario da fundación do nacionalismo galego: Revisitando ao mestre Vicente Risco (I)

Por Ramón Maceiras López
Os días 17 e 18 do mes de San Martiño de 1918 axuntáronse na Asemblea de Lugo os persoeiros das Irmandades da Fala e asentaron o baseamento do que coñecemos como nacionalismo galego. Os nacionalistas de hoxe celebran en capela cáseque ardente os fastos do centenario de tal acontecemento. Non podía ser doutro xeito. Cen anos despois, o nacionalismo galego non está para tirar foguetes.

Foi na Asemblea de Lugo donde xurdiu un programa político que a partires da definición de Galicia como nación, prantexábase acadar as maiores cotas de autonomía e a incorporación na Federación da Iberia. Todo isto sen afastarse de "Hespaña", polo menos no papel.

Revisito o Programa de Lugo de 1918 da man do mestre Vicente Risco, moi fondamentado no seu libro "Teoría do nacionalismo galego", publicado no 1920. Na nosa opinión, Risco é o intelectual de maior cultura, amplitude de miras, fondo coñecemento cultural, étnico, de Galicia e maior perspeitiva política de toda esa élite coñecida como Xeneración Nós. Moi por riba de Castelao, Risco foi submetido a lei do silencio por ser un home de pensamento cosmopolita e conservador e por non ter dúbidas en posicionarse no bando nacional tralo estoupido da Guerra Civil en 1936. O culto a Castelao quede pois en mans doutros exéxetas...

Cen anos despois, o Programa de Lugo enfróntase á cita coa historia... O balanzo non é favorábel aos petrucios de Lugo. A autonomía lograda por Galicia non solucionou os problemas reais ou non que apontaban os asembleístas de hai 100 anos. E a vontade de nación nunca foi asumida políticamente por parte do pobo galego. No interín, a recente xeración nacionalista tampouco dá a talla: faille as beiriñas ao arredismo (soberanismo), rinde culto aos independentistas vascos e aos golpistas cataláns, mentres vexeta no Parlamento de Galicia con 6 deputados irrelevantes, ou navega á deriva levado e traído polas cambiantes Mareas da costa galega, ou remata esfarelada en micropartidos necesitados dunha concentración parcelaria.

VONTADE DE NACIÓN

Risco escrebe na "Teoría do nacionalismo galego" que a condición de nación non necesita para realizarse nen a autonomía política dun Estado nen a independencia para expresar toda a forza e desenvolver o potencial da mesma. Maís consideraba imprescindíbel a vontade de nación, eso que Risco chama "sentimento nacional". E  razonaba á inversa: "a autonomía máis integral e máis completa, a mesma independencia política, non abonda con elas para facer unha nación". E clarexa no canto de que "a arela nosa non é separatista. As reivindicacións que nós engadimos ao programa meramente rexionalista dos nosos devanceiros, non atentan en nada á soberanía política do Estado hespañol (sic)".


Risco dalle tanta importancia ao "sentimento nacional" que se pregunta se en Galicia hai vontade de ser nación. Respóstase a si mesmo: "Haina"...Aínda que considera en 1920 que tal "vontade nacional" está "esquecida nos tráfegos do vivir cotidián, dormida no fondal das concencias, subvertida polas argalladas dos políticos de profesión, asoballada na servidume política e social, pero haina..." Non basta pois con ter unha língua, unha cultura, un territorio, unha historia común para que se exprese unha nación.

Entón asínalle a "élite nacionalista, minoría intelectual chea de esprito do seu tempo..." a "misión de crear en Galicia a vontade nacional".

Penso que os feitos demostran que cen anos despoís o povo galego non expresa esa "vontade nacional" nos termos dos que falaba Risco. O povo galego permanence fiel a España. Centos de enquisas teñen rexistrado ao longo do tempo que aquí sentímonos tan españois como galegos, e que só unha minoría irredenta quer ser só galega e independizarse de España.

Ese gran traballo de enxeñería social, de construir unha vontade de nación, fracasou en Galicia mentres tivo relativo éxito en sitios como Euskadi e Cataluña.


Na segunda parte deste escrito descobriremos que ese bálsamo de Fierabrás que ía sanar os males de Galicia tampouco fixo tal: a autonomía política.