21.11.18

Cen anos de nacionalismo galego: do pucheirazo de 1936 á decepción autonomista (II)

Por Ramón Maceiras López
No berce do nacionalismo galego atópase o "santo pucheirazo" que fixo que o 28 de xuño de 1936 o referéndum tivera o "sorprendente" resultado de que o Estatuto de Autonomía fose aprobado polo 99% dos máis de un millón de electores que seica votaron. Eso representaba o 74% do censo electoral, moito máis dos dous tercios que se esixían de participación para que o referéndum fora aceitado pola II República.

O calificativo de "santo pucheirazo" acredítaselle a Avelino Pousa Antelo, quen presumía de ter votado dúas veces no plebiscito. O de "sorprendente" é de Ramón Villares, quen despacha deste xeito o capítulo sobre o referéndum do 36 nese monumento canónico á corrección política que é "A Historia".

Adolfo Hernández Lafuente: Los referéndums de autonomía en la II República..

É un tema no que tododiós pasou agochado até que o historiador Justo Beramendi soltou a verdade que todos sabían e todos calaban no semanario A Nosa Terra. Por suposto, Beramendi xustifica o pucheirazo por razóns políticas. Xa sabemos que todo o que faga a esquerda republicana e os nacionalismos está xustificado de antemán polo ben do pobo por esa casta especial de historiadores que viven da nefasta Memoría Histórica.



Castelao reseña no Libro II de Sempre en Galiza que Casares Quiroga ironizaba co tema cando se lle presentou en Madrid a campaña a prol do Estatuto Galego: "Estoy viendo que vamos a ganar el plebiscito gallego por un noventa y nueve por ciento". 

Continuaba así a tradición de pucheirazos electorais tan normal durante o período da Restauración Borbónica e na II República. Os plebiscitos de aprobación dos estatutos vasco e catalán tiveron tamén tan "sorprendentes" resultados. A Esquerra de Compayns declarou a república catalana mediante golpe de estado no ano 1934 e foi reprimida duramente pola II República. O 1 de outubro de 2017 o nacionalismo catalán voltou ás andadas golpistas cun referéndum pucheirazo sen nengún tipo de control democrático, nen auditorías, declarado ilegal polo Tribunal Constitucional. Desta volta 2,2 millóns de cataláns votarían sí á independencia. de España, segundo os organizadores de semellante paripé.

O caso é que o resultado "sorprendente" do referéndum galego permitiulle ao Partido Galeguista reinvidicar un presunto apoio popular ao Estatuto de Autonomía, pedra angular do Programa de Lugo de 1918 e cabaliño de batalla durante o franquismo e o postfranquismo para reclamar o título de nacionalidade histórica para Galicia. Castelao atou a sorte do nacionalismo galego ao pacto coa Fronte Popular que lle permitira aprobar o Estatuto Galego. Ese pacto costoulle a división do Partido Galeguista. Filgueira Valverde e Risco fundaron daquelas (1935) a Dereita Galeguista, aínda que despois fixeron campaña a prol do Estatuto.

O ESTATUTO DA TRANSICIÓN

A Constitución de 1978 pautaba tamén o trámite do referéndum para estabelecer a autonomía dunha rexión. O referéndum tivo lugar o 21 de decembro de 1981 con resultados bastantes cativos de participación.

Cunha abstención de 79% foi aprobado o Estatuto de Autonomía vixente. O povo galego amosaba así o seu pouco entusiasmo pola autonomía que presuntamente ía resolver os grandes problemas galegos. Curiosamente, foi Manuel Fraga, con catro maiorías absolutas, quen asumiu con máis entusiasmo o Estatuto contra un nacionalismo dividido e confundido. Aínda así foi con Fraga que o nacionalismo galego xa reunificado e de novo con vocación autonomista chegou a ser ser segunda forza política no parlamentiño nas eleccións autonómicas de 1997, con 18 deputados. 


Desde ese momento estelar, o nacionalismo galego non fixo máis que perder forza até chegar aos 6 deputados de 2016. A decepción autonomista deu paso no nacionalismo galego ao rebrote das ilusións soberanistas e independendistas, contaxiadas polo proceso catalán e a debilidade do goberno central.

No hay comentarios: